4 de decembro de 2025
Premios LUX de Fotografía Profesional
O fotógrafo e membro de ASFOGAL Roberto Ouro Tubio foi recoñecido co Premio LUX Oro 2025 na categoría de Paisaxe e Natureza pola súa obra Los gigantes del mar.
A fotografía foi realizada na praia do Silencio, en Asturias, despois de tres días estudando as mareas, a luz, a forza do mar e as posibilidades da composición. Mediante unha exposición de catro minutos, Roberto converteu o movemento da auga en textura e reforzou a presenza das formacións rochosas, construíndo unha imaxe na que técnica e paisaxe avanzan na mesma dirección.
A relevancia da obra foi máis alá do propio galardón. Los gigantes del mar foi escollida para representar os Premios LUX 2026, converténdose na carta de presentación visual da nova edición do certame. A súa textura, a atmosfera e a profundidade tonal danlle un carácter pictórico próximo á pintura ao óleo, transformando a paisaxe nun relato sobre a forza do mar e a quietude das formacións rochosas.
Para Roberto, esta elección supón un honor e tamén a responsabilidade de poñer imaxe a un dos principais certames da fotografía profesional en España. A súa maneira de entender a luz, o tempo e o territorio convértese así na porta de entrada aos Premios LUX 2026.
Na mesma edición tamén foi recoñecido como gañador da subcategoría Deportiva, dentro de Reportaxe Documental, pola serie La sal del surf, un traballo realizado arredor do campionato de surf Pantín Classic.
Os galardóns foron entregados durante a gala celebrada no Disseny Hub Barcelona. Este resultado supuxo o segundo ano consecutivo de Roberto Ouro entre os premiados dos LUX, despois do Bronce conseguido en 2024 por El animal y la montaña, e confirmou a evolución dun traballo cada vez máis persoal e recoñecible.


