Toño Villar leva O artesán, as mans sabias de Rois a Vitoria-Gasteiz

24 de maio de 2024

Un proxecto documental arredor do luthier Xosé Tuñas e do universo dos pequenos obradoiros artesanais

O fotógrafo e socio de ASFOGAL Toño Villar presentou en 2024 O artesán, as mans sabias, un proxecto documental que se adentra no obradoiro de Xosé Tuñas, artesán de Trasmonte, en Ames, dedicado desde hai máis de vinte anos á fabricación de instrumentos de percusión.

A mostra nace das numerosas visitas de Villar ao taller, traballando en segundo plano e sen interferir no proceso. Máis que describir paso a paso a fabricación dunha peza, as fotografías introdúcennos no ambiente íntimo do obradoiro: as mans, as ferramentas, os materiais e esa atmosfera case monocromática na que cada instrumento vai collendo forma.

A exposición inaugurouse no edificio multiúsos de Rois o 24 de maio de 2024 e permaneceu aberta ata o 14 de xuño. Ese verán formou parte do XV Folk in Río, celebrado en Touro o 28 de xullo, e no outono continuou o seu percorrido pola Casa da Cultura de Bertamiráns, do 1 ao 14 de outubro, e polo Centro Social Polivalente de Brión, do 17 ao 31 do mesmo mes.

En 2025 chegou á Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos de Noia, localidade natal de Toño Villar, onde puido visitarse do 28 de abril ao 16 de maio. O proxecto continuou despois o seu camiño fóra de Galicia, chegando tamén ao Centro Galego de Vitoria-Gasteiz.

Un traballo sobre o oficio, o tempo e o coñecemento gardado nas mans, pero tamén sobre eses pequenos obradoiros que forman parte da nosa cultura e que a fotografía nos axuda a mirar con máis atención.

Quizais che interese

José Manuel Navia en Asfogal

O vindeiro martes 20 de outubro teremos con nós en Asfogal a José Manuel Navia, nunha xornada que celebraremos na Cidade da Cultura de Galicia,…