16 novembro 2024
A fotógrafa e socia de ASFOGAL Isabel Antelo Silvariño foi recoñecida co Premio Nacional de Fotografía Quijote 2024 na categoría de Retrato, un dos certames de referencia da fotografía profesional en España.
O galardón foi entregado o 16 de novembro de 2024 durante a gala celebrada no Teatro Auditorio José Luis Perales de Cuenca, organizada pola Asociación de Fotógrafos Profesionais de Castilla-La Mancha (AFOCAM).
Isabel acadou a máxima distinción da categoría cun retrato que se impuxo nunha edición á que se presentaron preto de medio milleiro de obras. As 80 fotografías seleccionadas polo xurado formaron parte tamén dunha exposición na Sala Almudí de Cuenca.
O premio supuxo, ademais, un novo éxito de Isabel Silvariño neste certame, no que xa conseguira o Premio Quijote de Retrato en 2021, revalidando así en 2024 un dos principais recoñecementos da fotografía profesional española.
Un novo galardón que se suma á ampla traxectoria de Isabel e á presenza dos fotógrafos e fotógrafas de ASFOGAL nos principais certames profesionais.


