17 de setembro de 2026
Fundación MOP, A Coruña
O xoves 17 de setembro, un grupo de quince socios e socias de ASFOGAL visitamos na Fundación MOP a exposición Doubts, dedicada ao fotógrafo italiano Paolo Roversi.
Durante a visita guiada puidemos coñecer con máis detalle o seu traballo e unha maneira de entender a fotografía moi persoal. O light painting, as longas exposicións e, sobre todo, esa capacidade de converter os aparentes erros nunha linguaxe propia impresionáronnos a todos. De feito, a maioría coincidimos en que foi unha das exposicións que máis nos gustaron de todas as que visitamos ata agora no Muelle de Baterías.
A tarde deixounos tamén unha boa anécdota. Un señor que andaba por alí incorporouse con toda naturalidade á visita guiada que contrataramos. Decidimos non dicirlle nada e acompañounos durante todo o percorrido, ata que tamén se puxo connosco para a foto de grupo. Foi aí cando lle explicamos que eramos unha asociación e que aquela era unha visita organizada por nós. Visto agora, case fixemos mal en dicirlle nada, porque tería sido un bo recordo telo para sempre na fotografía.
Como xa é habitual nestas saídas, rematamos todos xuntos tomando algo. Esta vez quedamos na propia cafetería do MOP ata que comezou a orballar e chegou o momento de despedirnos. Ata a seguinte.
Máis información sobre Paolo Roversi: Doubts na Fundación MOP


