O domingo 11 de outubro coñeceremos o fallo da XII edición dos Luces de Granada. Entre as obras que optan aos premios hai trece traballos de nove socias e socios de ASFOGAL, con presenza en sete categorías.
Inma Purriños concorre con tres obras: dúas en Obra Persoal e unha en Retrato. Roberto Ouro tamén suma tres nominacións, todas elas en Gráfico. Nesta mesma categoría están seleccionadas Cristina Becerra e Toño Villar, cunha obra cada un.
Na fotografía de celebracións, Enrique Pérez conta cunha nominación en Comuñón e Isabel Silvariño cunha en Boda.
Patricia Alija está nominada cunha obra en Newborn, mentres que Yolanda Purriños e Denia Pregue participan en Maternidade, tamén cunha obra cada unha.
En ASFOGAL conviven especialidades e formas de traballar moi diferentes. Ver estes nomes reunidos nunha convocatoria internacional dá unha medida do nivel profesional que hai na asociación. A súa obra merece este espazo, tamén antes de que se repartan os premios. Coñecer o que fan as nosas compañeiras e compañeiros e compartilo é parte da vida que queremos darlle a ASFOGAL.
O certame está organizado por AGRAFI. A entrega de premios terá lugar o 11 de outubro de 2026, ás 18:00 horas, en Caja Rural Granada, na avenida Don Bosco, 2. A programación inclúe tamén unha exposición e unha cea no Hotel Andalucía Center, na avenida de América, 3.
As imaxes que acompañan esta entrada son as obras nominadas que nos fixeron chegar as súas autoras e autores para publicalas.


