14 de febreiro de 2026
Categoría de Festas Populares · AFPV
Auditorio de Canet d’En Berenguer, Valencia
A fotógrafa e socia de ASFOGAL Cristina Becerra, natural de Cerceda e afincada en Buño, acadou o Ouro na categoría de Festas Populares dos Premios Sony Comunitat Valenciana 2026, organizados pola Asociación de Fotógrafos Profesionais de Valencia (AFPV).
O recoñecemento chegou pola obra Mikaela, realizada durante a popular celebración do Entroido de Buño. A fotografía condensa a intensidade da festa nunha composición chea de personaxes, xestos e capas, coa escena dunha parella no centro dun ambiente desbordante.
Cristina leva catorce anos fotografando a Mikaela. Este premio pon en valor un traballo sostido no tempo arredor dunha das celebracións máis singulares da Costa da Morte, á que regresou unha e outra vez coa cámara.
Para a fotógrafa, a Mikaela reúne algúns dos disfraces máis enxeñosos e particulares da comarca e converte Buño nun escenario excepcional para a fotografía documental e de rúa.
O certame, patrocinado por Sony e convocado pola AFPV, está orientado a recoñecer e difundir a excelencia na fotografía e no vídeo profesional. Un novo recoñecemento para Cristina Becerra e para unha obra profundamente ligada ao territorio e á memoria festiva de Buño.
Tes acceso aquí á nova no Diario de Bergantiños E aquí á de La Voz de Galicia


