21 de xaneiro de 2026
Cidade da Cultura de Galicia, Santiago de Compostela
O 21 de xaneiro recibimos no Gaiás a Samuel Nacar, fotógrafo documental e cineasta centrado na migración, os conflitos sociais e as consecuencias que estes deixan nas persoas e nos territorios.
Durante o obradoiro repasou máis dunha década de traballo seguindo diferentes rutas migratorias cara a Europa. Desde Siria ata Varsovia, compartiu a experiencia de fotografar en contextos complexos e falou do acceso ás historias, da relación coas persoas retratadas e da responsabilidade que implica contar as súas vidas.
Unha parte da xornada estivo dedicada a As sombras xa teñen nome, o seu traballo sobre os superviventes das prisións sirias, recoñecido na categoría de historias do World Press Photo 2025.
Foi un encontro para coñecer o que acontece detrás das fotografías e entender o valor do fotoxornalismo como ferramenta para documentar realidades que demasiadas veces quedan fóra da nosa mirada.


